Crea a túa ruta
Eventos do mes
L
M
M
X
V
S
D
    1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31
      
Hoxe é 28 de Agosto do 2014
Ruta do Viño Valdeorras > Patrimonio Natural

Patrimonio Natural

Canón do Sil
Foto cedida por: O Sil

O "Parque da Serra da Enciña da Lastra" no concello de Rubiá é un valioso territorio que ocupa unhas 3100 ha de superficie, ten o seu centro de interpretación en Biobra.

A aciñeira dá nome ao parque natural pois disque unha enciña de grandes dimensións, na aldea de Covas, servía de guía aos viaxeiros por estas encrucilladas.

Este conxunto montañoso de rocha calcaria, singular en Galicia, propicia a formación de cavidades (denominadas "Palas") pola lenta acción da auga na rocha. Aquí se atopa a rede de covas naturais máis extensa de Galicia con preto de duascentas simas e covas censadas. "Pala", é unha verba de orixe prerrománica que significa “cova ou sima”. Son un paraíso para zoólogos pola grande colonia de morcegos que alí habita, para espeleólogos e tamén para historiadores porque algunhas palas foron habitadas na prehistoria.

Aquí aparece a mellor representación da flora mediterránea en Galicia, con bosques de aciñeiras xunto con oliveiras, sobreiras alternando os atlánticos soutos nas ladeiras húmidas. 

O Sil forma o val que separa as bisbarras de El Bierzo e Valdeorras e  divide este sistema montañoso xerando un canón. O "Estreito de Covas" constitúe unha experiencia estética dos viaxeiros que atravesan en tren a comarca e pola N-120. Recorrendo as estradas locais que comunican as pequenas poboacións no interior do parque como Pardollán, Oulego ou Vilardesilva serve por si mesma para admirar a beleza da paisaxe e a súa coidada arquitectura.

A espeleoloxía, mesturando escalada, orientación e barranquismo, ten no Parque da Serra da Enciña da Lastra e en Trevinca  un espazo privilexiado. É un área protexida na que estas actividades requiren permisos sen esquecer que son deportes para expertos.
Enciña da Lastra

“Pena Trevinca” é o cumio máis alto de Galicia (2.127 metros). Está rodeada doutras montañas que forman o Macizo de Trevinca, como Pena Negra (2.119) e Pena Surbia (2.095).

Esta área está incluída na Rede Natura e recoñecida como “Lugar de Importancia Comunitaria” (LIC), ademáis de “Zona de Especial Protección para as Aves” (ZEPA).

Apenas hai presión turística sobre a Serra e o resto de paraxes de Valdeorras, o que nos permite gozar natureza en estado puro.

Recorrendo algunha das rutas de sendeirismo sinalizadas coñeceremos espazos de gran interese sen perigo. Existen rutas consolidadas utilizadas polos amantes da montaña.

Nun entorno montañoso de ríos de caudal e centos de quilómetros de camiños rurais de diversa dificultade  temos o espazo axeitado para os deportes de aventura. Unha excelente opción é recorrer a zona en quad, servizo que se ofrece con guías que nos poden amosar espectaculares recorridos entre viñedos e de montaña, adaptándose ao nivel dos pilotos. Similar oferta teremos para quen guste de coñecer ríos e lagos desde dentro en piragua e Kaiak.

Algunhas adegas da Ruta do Viño de Valdeorras fan visitas aos seus viñedos en 4x4 para grupos reducidos.    

Pena Trevinca
Foto cedida por: O Sil